Friday 29 de March de 2024

Anxo M. Lorenzo confirma que a Xunta avanza no expediente para declarar BIC o Museo Carlos Maside


— O Goberno galego vén de completar unha actualización do inventario de toda a colección, composta por máis de 2.000 pezas

— O traballo permite coñecer as intervencións necesarias para frear o deterioro e garantir a conservación das obras afectadas e que supoñen o 7% do total

— Ademais, a Administración autonómica está rematando os estudos previos imprescindibles para acadar o recoñecemento de Ben de Interese Cultural

— O secretario xeral de Cultura informou dos detalles nas xornadas O Museo Carlos Maside: un Patrimonio Cidadán

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, confirmou hoxe que a Xunta continúa avanzando no expediente para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) o Museo Carlos Maside de Sada. Así o explicou hoxe nas xornadas O Museo Carlos Maside: un Patrimonio Cidadán nas que fixo balance do traballo feito polo Goberno galego para garantir o futuro deste espazo cultural.

Así, na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade declarou que a Administración autonómica vén de completar unha actualización do inventario de toda a colección. “Trátase dunha base de datos realizada polo Servizo de Museos da Xunta de Galicia na que figuran máis de 2.000 pezas e que nos permite coñecer as intervencións necesarias para frear o deterioro e asegurar a conservación das obras afectadas”, afirmou antes de engadir que actualmente só o 7% do total das obras presenta problemas.

“A Xunta de Galicia quere implicarse decididamente no futuro deste Museo que documenta unha parte da historia cultural de Galicia”, sostivo o representante do Goberno galego. Para iso, tal e como avanzou, tamén se traballa en posibles vías de colaboración cos propietarios do edificio, nun estudo sobre os problemas que afectan ao edificio e no deseño dun novo proxecto museográfico que actualice a exposición. “Cremos no alto valor desta institución e por iso queremos que estea nas condicións óptimas e necesarias para a súa apertura ao público”, concluíu.

Neste senso, Anxo M. Lorenzo tamén explicou que a Administración autonómica está rematando os estudos previos imprescindibles para a tramitación do expediente de declaración BIC. “Consideramos que se compren os criterios previstos na lexislación de patrimonio cultural para artellar a súa máxima protección, pero debemos contar con un traballo sólido desde o punto de vista histórico-cultural, arquitectónico e museográfico”, afirmou.

Órganos consultivos
Unha vez que os informes estean rematados a documentación será enviada aos órganos asesores e consultivos -Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega de Belas Artes e Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña- para que valoren a súa importancia para o patrimonio cultural de Galicia. “Este é un paso fundamental no proceso de declaración BIC, xa que non se pode continuar coa incoación ata que os órganos asesores emitan o seu informe positivo”, puntualizou.